A Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECoE) e o Grupo Cooperativo Cajamar concederon o I Premio estatal á “Mellor iniciativa emprendedora desde centro cooperativo” ao alumnado do “Colexio Mendiño” polo seu proxecto “Opportunity”, no marco da oitava edición do concurso “Emprendemos. Fomento del emprendimiento cooperativo en la escuela”.

Carlos Romero, Judith Godfrey e Laura Fernández.
O galardón, dotado con 2.000 euros para a adquisición de material didáctico ou tecnolóxico, recoñece o esforzo innovador e o compromiso social do equipo promotor, composto por Carlos Romero, Judith Godfrey e Laura Fernández, estudantes de 2º curso do Ciclo Medio de Actividades Comerciais, baixo a coordinación da docente Paola Bar.
“Opportunity” é unha plataforma marketplace que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral da poboación migrante no sector pesqueiro, contribuíndo ao relevo xeracional e á sustentabilidade do propio sector. O proxecto busca conectar directamente oferta e demanda de emprego mediante procesos de contratación xustos, colaborando con armadores e organizacións non gobernamentais que traballan pola mellora das condicións de vida de persoas refuxiadas e migrantes.
Este recoñecemento pon en valor a educación cooperativa como motor de transformación social e impulso do emprendemento con impacto positivo.