O pasado mércores tivemos a oportunidade de visitar as oficinas centrais de Inditex en Arteixo, onde quedamos entusiasmados polo trato e cantidade de cousas que o noso alumnado de Actividades Comerciais tivo a oportunidade de aprender.
O primeiro que visitamos foron os equipos de deseño das seccións dentro da marca de cabeceira da empresa, Zara. Descubrimos o proceso de creación dunha colección, o desenvolvemento dos prototipos, como chega a información dende os consumidores ata os deseñadores, como flúe a comunicación entre os distintos equipos grazas á disposición dos mobles, e como se utilizan os mood boards para a inspiración das coleccións.
Visitamos tamén a parte dixital onde descubrimos a cantidade de cousas que poden coñecer co big data e como despois toman as decisións coa información recollida, aprendemos das esencias, da iluminación e do marketing dos sentidos, e aínda miramos os estudos de fotografía desde onde fan os catálogos dixitais e os escaparates feitos para cada temporada así como os especiais de Nadal.
Rematamos cunha volta polo almacén e onde teñen os sistemas de distribución e a loxística, unha aprendizaxe boísima para o alumnado de Actividades Comerciais.
Damos as grazas a Inditex e esperamos poder repetir esta visita o ano que ven polo interesante da excursión e as posibilidades que nos da aos docentes para integrar a realidade das grandes empresas nas programacións, tan importante para achegar a vida laboral real ao alumnado de formación profesional.